Tagebuch I

tumblr_ma4xutfjnw1r3fa3go1_500

Os días foron logo caíndo como un voo

de aves sobre o fondo da distancia:

mañás do alegre xílgaro,

as tardes da andoriña,

as noites do sombrío e devoto da tristeza,

meu corvo visionario.

 

E puiden ter contacto cos volumes

que abren fendas longas nos enigmas,

os libros en que alguén dispuxo a vía

que leva pola noite até a alborada,

os ferros alongados que transportan

o insólito comboio dunha luz

fervendo de beleza.

 

E souben logo estar sentado

a ollar hora tras hora para as letras

o mesmo que unha pinga de sangue que escorrega

por riba dun reloxo

e tarda moitos días en secar.

 

E déronme as cinco e mais as seis

e as sete da mañá

tronzado de lectura e de iliusións

inmerso naquel mar de auga sombría.

Advertisements