Hamlet I

tumblr_m0a4usLIFd1qb1quio1_500

Entón mirei que viña a sombra de meu pai

feliz entre os murmurios dun antigo clarinete

e souben que eran días de presenza.

Non tiña a luz azul dos corpos consumidos

tampouco a sombra ingrata dos ollos esgotados

nin voos de antigas aves a furar

as tardes sobre a lámina do peito.

Mais ben era un silencio unha ferida

un canto que baixara a camiñar

no vento que fumega entre os salgueiros.

E vin que atravesaba unha palabra,

a sombra dalgún nome ese vocábulo

da música feliz.

E púxenme a dicirlle catro cousas.

Acaso algunha menos. En fin

que conversamos.

Corría polas augas o outono sixiloso,

espellos dun verán que se perdera

e o mundo tiña séculos de sede.

Chovese o que chovese xamais cancelarían

as chuvias unha débeda sen fin.

Advertisements