Hai nas lámpadas que ensumen esta casa no silencio

Kacper Kalinovski 8

Hai nas lámpadas que ensumen esta casa no silencio,

amartelada polos gritos dalgun paxaro na aurora,

un celeste vapor, unha néboa sen tempo,

que rescata flores húmidas dun século abatido

cando o Miño no verán descía lento e nas suas augas

habitaba un asombro, unha nota de oboe.

Propagándose na estancia esa néboa aínda erixe,

consumida e febril, vellas fotos de antano,

unha efíxie de damas e antigos varóns

que, asentados, nos miran

desde a praia do olvido

e non reparan no fluír dos meses que difunden

entre os búcaros vacíos a alta abóveda de agosto

nin nos vidros poeirentos en que veñen pousar

o seu voo no remoto unhas aves infindas.

Só están fráxiles, parados,

Como alguén que agardase un paquete en peiraos ultra­marinos

Ou descendo pola tarde, entre vellos volumes, relese

longas páxinas efémeras.

Pois se a néboa é un oboe que aínda soa remoto

pervagando con piedade entre as figuras,

mentres, lenta, a luz das lámpadas decrece

dourando mármores de estátua

e xa a noite nos inunda,

esfarelado o tempo afunde a sua efixie mais sombría.

Advertisements