De antiga cinza, Aurelia, son as aves

tumblr_m67qw6OftC1ru1x0lo1_1280

De antiga cinza, Aurelia, son as aves.

Procura que o seu corpo gañe o olvido

entre a auga azul da túa memoria.

Repara no interior da vella casa.

Aínda medra unha luz branca,

esvaecida forza que atravesa os pavillóns

esparexendo o seu sonido por entre os brancos lamigueiros

e olla eses resquicios de ruína nos reloxos,

mantelos con sinais de viño derramado, os búcaros de alpaca, vacíos, sen ornato,

como as horas se propagan sobre as árbores cincentas

e hai un voo de alaudas, prata, algunha onda que regresa

no anel que as barcas deixan sobre a lámina das augas.

Espera.

Se estas horas te procuran como panos cheos de sombra,

consumida entre as palabras que tecín,

dos palacios onde o outono está deitado sobre os mármores

coberto por un tétrico tapete de loucura,

das paisaxes onde outubro era azul sobre o mar ebrio

ou estaba nas umbrías do interior dos meus armarios

deixa só unha leve luz.

Natureza escolle sempre os seus vasalos.

Tempo hai que eu fico fóra da sua empresa.

 

En van procuro entrar na estancia do meu soño.

Detido está setembro nas cúpulas do tempo

E un voo de aves noctívagas progresa desde o fondo.

Resquicios hai de voda na erba calcinada.

O cántaro do olvido contén todo o silencio.

E o instante que as campás deparan co seu eco

sumido vai na néboa dun bosque na paisaxe:

aquel que se culmina remoto de piñeiros

e apalpa coas suas pólas agoiros de solpor,

toxeiras, margaridas, ramallos polos lonxes.

E só algún paxaro sulca,

co silente trafego do seu corpo leve,

olvidada a dozura do ocaso,

a subtil porcelana que é o pano outonizo da tarde

mentres hai no teu labio un silencio que invita

e das árbores brota un perfume embriagado.

Advertisements