Xardín queimado-fragmento XVI

Walt Whitman

Oh vén altiva Electra

Do mar pola orela mireino pasar

Rexeita as cicatrices

Os coiros recosidos que tocan nos tambores da vitoria

E déixate apalpar

Oh guíame no escuro

O mar ficaba lonxe No fondo a lontananza

Que non che son o mesmo lonxe que lontano

O mar como unha dorna tristítima que viña

Cargada co seu loito de peixes e de noites

Cangada co velame na altura do silencio

E nós alí sentados sentados a mirar

A lúa que lontano nacía en lontananza

Do mar pola orela mireino pasar

E Nietzsche sulfatando polas viñas do SEÑOR

E deluvei entón os ollos que me proían

No pesadelo escuro da noite sen camiños

E do mar pola orela mireino pasar

Como unha aixola en pradairos lisos

E Nietzsche sulfatando polas viñas do SEÑOR

By the waters of Leman

Para sempre derrotados

Despois alguén chegou e dixo di o teu nome

E eu díxeno no instante que entraba unha enxurrada

De olvido e de distancia no río das arterias

E fun de néboa en barcos ao sur do esquecemento

E Nietzsche sulfatando polas viñas do SEÑOR

 

para descargar o poema completo

Advertisements