Xardín queimado-fragmento XV

 

Uxío Novoneyra

Chegara aquela tarde á casa con tristeza

E púxenme a beber licores moi antigos

Garrafas que baixaran de barcos sen bandeira

Redomas que lacraran nos templos da distancia

E abrín aqueles selos tirei aquelas rollas

E dei en gorentar azucres con canela

Alcohol ensombrecido nas lúas doutro tempo.

Oh vén altiva Electra

E Nietzsche sulfatando co seu triste acordeón

E Nietzsche sulfatando polas viñas do SEÑOR

E lembro que aquel día Federico estaba triste

Si Nietzsche Federico filósofo e amigo

E eu dixéralle convén que sulfates outras viñas

Deixa un pouco de uva tinta nestas veigas da ilusión

Non esgotes todo o caldo que producen estes prados

Garda un pouco para os pobres

Para aqueles consumidos pola luz da inxenuidade

Deixa un río acaso un monte unha braña ou algún souto

E difunde o teu sulfato ese xofre tan amargo

Nas ribeiras onde chegue o teu paso como demo

Mais aquí procura un canto

Colle acaso un instrumento

E prepárate queremos que nos toques pola orquestra

By the waters of Leman

O solpor da mocidade

E a outonía do mundo

Oh fermosa esta expresión

A outonía do mundo

By the waters of Leman

Porque xa non hai primavera nin verán

Non existe máis que outono felizmente

Longo inverno e curto outono

Máis que outono felizmente

 

 

para descargar o poema completo

Advertisements