Xardín queimado-fragmento XI

Marge Piercy

Que o poeta está manchado pola culpa

O seu traxe leva sangue de linguaxe

A camisa borras negras de caer

A rebolos na lameira das palabras

Que o poeta é portador de mil chaves que non abren

Outro pórtico que a sombra

Outra porta que a do inmenso xardín melancolía

E foi daquela que eu cheguei como un barco de naufraxio

Á deriva que vivían os meus cantos por adentro

By the waters of Leman

Porque eu era aquel poeta que levaba o traxe tinto

Na lameira das palabras

Como un vómito febril de signos e destino

Bebían os cabalos na fonte xunto a nós

By the waters of Leman

E viñan nubes breves turrando do verán

Distantes perseguindo a sombra das maceiras

Os ecos que deixaban na brisa acordeóns

Que alguén tocaba en orfas penumbras portuguesas

E andaba o corpo en músicas en táboas que pintaran

Os ollos como incertos retábulos de outrora

Camiños que eran sombras de pontes e distancia

E leitos que alguén dera insomne por durmir

As noites cos seus soños de tenra melodía

Por iso viña o vento das longas cabeleiras

Deixándonos recados papoulas e sonetos

Levando un arrecendo de xasmíns

By the waters of Leman

Tamén arrebolando docísimas materias

Areas tan miúdas que había que fechar

Os ollos a soñar caer por unha lomba

Sen medo de que o corpo sufrise unha ferida

 

para descargar o poema completo

Advertisements