Xardín queimado-fragmento V

Celso Emilio Ferreiro

Doían eses ollos tan limpos a mirar

O dano que eu levaba no centro do meu peito

Eran barcos e paisaxes que vira algunha vez

E agora estaban quietos na noite a contemplarme

Con batas e con máscaras debaixo dunha luz

De sol estarrecente de estrela singular

República infeliz

Xardín queimado

E ollaban moi atentos coa luz da intelixencia

Coa lupa dun silencio vencido en mil batallas

O mesmo que se eu fose algunha desas flores

Que ás veces amañecen no centro das palabras

Despois alguén chegou e dixo di o teu nome

E eu díxeno no instante que entraba unha enxurrada

De olvido e de distancia no río das arterias

E fun de néboa en barcos ao sur do esquecemento

Non tiven máis que corpo por horas e por horas

Un corpo que vencía por fin a enfermidade

Un corpo que espertaba despois nun almacén

De xentes na fronteira no límite da morte

E había compañeiros de corpos derrotados

Que alguén trouxera en sombras de lúa e ambulancia

E moita xente branca bulindo sen parar

Levando o seu misterio narcótico en xeringas

(Neboentas dos poetas)

En cápsulas con brillo ou tristes preparados

Doían eses ollos no centro do meu peito

Doían como batas e máscaras paisaxes

Doían como lupas batallas do silencio

República infeliz

Xardín queimado

Despois algún instante distancia di o teu nome

Levando o seu misterio xeringas de morfina

Que ás veces amañecen nalgunha desas flores

E fun de néboa en barcos no río das arterias

O mesmo que se eu fose un sol estarrecente

O nome da distancia o nome do misterio

O nome da morfina a máscara da luz

O centro das palabras da lupa do silencio

 

 

para descargar o poema completo

Advertisements