BAIXAS PRESÍÓNS

xyntia2702_grande

Acenden este inferno de lóstregos e chuvia

Os deuses abatidos que queren derrubar

Os ecos máis primeiros da nova primavera.

Así ese clamor que brota nas maceiras,

As flores culminadas, as froitas gloriosas,

Desgástase e fenece, olvida o seu destino,

Convértese en Xaneiro o Maio renovado.

Maldito este país, se chove miudiño,

Maldito se a beleza dos seus antigos campos

Se fende coa presencia de fábricas, estradas,

E as vellas carballeiras, antigos pomariños,

Son tártaros, avernos, con altos edificios,

Insólitos lugares as novas barriadas,

E xente acreditando ser isto o seu progreso.

Maldita esta paisaxe se pouco fica xa

Daqueles verdecentes praderíos e costas

E en vez de castiñeiros asoman construccións,

inmobles, residencias, ferindo o seu encanto.

Maldita a paisanaxe feliz de estar vivindo

No medio deste abismo, tormento dos sentidos,

Castigo dos que, tristes, mal damos soportado

A lenta podredume, o infame deterioro.

Mellor será fuxir, buscar outro país,

Ben lonxe dos ineptos, de imbéciles e escuros,

E nunca máis voltar, facer de novo a vida,

Deixar que o esquecemento nos borre estas imaxes

De pánico e espanto, de asombro e turbación.

¡Que país, que paisaxe,

que triste paisanaxe!

Advertisements