apoteose

tumblr_m3gibeIbur1qb8ugro1_500

AGORA ves o mar no infindo derrubarse,
O xeito en que se afunde a tarde na distancia,
E sentes que eses bronces, os ouros, os estralos
De azuis e de vermellos, son parte da medalla,
Do agudo galardón, do insólito agasallo
Que a vida foi pousando en ti para afagarte.
Mais, antes desta hora, nos tempos precedentes,
Sulcaches ben lixeiro, de ánforas na busca,
Os mares que se abrían amables ao teu paso
Ou mesmo algunhas tardes, de vento e de tormenta,
O mastro endereitaches, sen fe no novo rumbo,
Levado de visións, de crenzas, de sentidos
Ocultos da linguaxe que dorme nas palabras.
É fácil deleitarse no triunfo cando chega,
Mais duros son os días en loita coa vontade,
Co esforzo e coa constancia que deben presidir
A fronte do que ansía a luz dalgún saber.
Así que, cabaleiro, chegada a grave hora
De imporlle ao teu destino un límite, unha meta,
Non deixes que a humildade te afaste do teu premio,
Pois outro non terás e a vida logo pasa.
Por iso deixa agora que a tarde no devalo
Che acenda un novo brillo na pel e no cabelo,
E os viños da vitoria gozoso saborea.

Advertisements