alba

tumblr_m0y0azDxtP1qz9b3ko1_500

DESPOIS dalgunha noite sorbida até o mencer,
O mesmo que se sorben xeados, refrixerios,
Licores que se deitan no fondo da conciencia
E chegan até praias, remotos areais,
Un pode preguntarse por que tanta cobiza,
Por que das tristes ansias amence este fulgor,
Se a vida está disposta aí para que a toques,
Xacendo como un corpo de ave, de bañista,
Á espera de que o voo dun dedo no seu tacto
Solemne o considere obxecto de caricia.
Por iso cando chegas á casa pola alba
E dás algún traspés nos banzos ou na porta
Ou sentes que hai un longo, lixeiro carrusel
Do mundo que dá voltas, percibes que o teu xeito
De andar pola soidade é arte prodixiosa,
Insólita habelencia que fuches adquirindo
Tras anos e anos de círculos, de liñas,
Sendeiros percorridos, estradas camiñadas.
Que nada te detén se sabes o teu rumbo,
Se acertas a pasar, tanxendo a túa viola,
Por campos e por parques seguindo algún sinal,
Estrelas procurando, pois sabes que ese curso
Dos pasos, da mirada, tesouro consideras,
Alfaia dos teus días, agora que xa canso
Te inclinas a durmir e, os ollos apertando,
Silencias as túas bágoas.

Advertisements