ULTRAMARINA

tumblr_m1rbjrTR0s1roll6uo1_500
CANTAR os grandes coitos do tempo colonial,

As damas que, mestizas, lograban seducir

Varóns que na arribada toparan a fortuna,

Escravos que, xa libres, de súpeto ficaban

Prendidos dunha ollada nun bazar,

Mercantes mariñeiros cegados polo trópico

Que daban a súa vida por tal revelación,

Seguros de que o signo que abrira no seu corpo

Aquela sinfonía de lóstregos de cor

Non era máis que o grito da especie que os chamaba.

Cantar aquelas noites ardentes de paixón,

O rostro enfebrecido de insólitas doenzas,

Os gritos que chegaban da selva pronunciando

Palabras de pecado, de rapto, de luxuria,

De cregos que perderan de súpeto o seu dogma,

De homes que entregaban o voo da mocidade

Nun leito vaporoso de insectos e de chuvia.

Ser donos dese tempo, da vida que iniciaba

Veloz o seu percurso con sede de esplendor

E axiña aparentaba ser quen de construír

A Ópera na selva, no centro de Manaus,

Daquela só unha mota de pó entre a fluvial

E súbita enxurrada do río imprescindible.

Estar de novo alí, vestindo traxe branco,

Fumando un longo habano do brazo de muller

De sedas ataviada, o sangue mesturado

Dun pai escandinavo e escrava negra negra,

E ser nese momento de altura do destino

Consciente dos seus labios, do brillo da súa ollada.

Entrar para que soe a voz do gran Caruso

E entón, como nun soño, sentir que dese tempo

Despréndese a ruína, o escándalo da morte.

Baixar daquela en barco no trópico nocturno

Beixándoa sobre a proa, sentir que o noso rumbo

Do río no devalo, é rumbo de planetas,

De estrelas, de galaxias, e nada nos espera.

Tan só un leito branco, un tálamo nupcial.

SECRETO ACORDEÓN

tumblr_m1n0isQD1X1qjm0dlo1_r1_500
AQUELES que entregados ao rito de cantar

Esquecen os segredos da beleza

E o barco amarran forte en pétreo embarcadoiro

Por medo a unha loucura de ventos e galernas

Oh estraños navegantes que son por eses mares

Que forman as palabras

Pois temen o vaivén das ondas e o naufraxio

E nunca arriscan vida nin peito nin afogo.

Así que nunca embarcan de noite ou na certeza

De ventos e perigos, levando unha marea

De tardes e paxaros, caldeiros con follaxe

De hortensias inmoladas no altar que erixe outubro.

Mais eses grandes, altos, que saben como entrar

Nos líquidos azougues do espello da tristeza,

Aqueles que se arrincan do peito unha mañá

E son unha mestura levísima de outono

Con pedra verdecida; aqueles que conducen

De súpeto até abril e alí dispoñen flores,

Ben saben as maneiras, os modos, o costume

Dos barcos e as canoas, as góndolas, os iates,

E sempre errantes vogan, quen sabe a que destino,

Tocando o seu funesto, secreto acordeón.

na fábula do outono

tumblr_m15roytbYO1qdylmio1_500

Os pozos dos poetas son torres afundidas.

Os corpos, arruinados de versos e de néboa,

fundados polo vento, erguidos polas queixas,

doentes dunha ignota enfermidade.

 

E as mans que obedeceron o ímpeto do lume

nas harpas que acordaron acordes trepadores

de hortensias inclinadas ao silencio

son brillos do diamante, a luz de antigos ouros,

acaso a sombra leve dalgún matiz do branco.

 

Aqueles que furtivos o espazo camiñades,

transidos polo tempo que deita luz e néboa

alén desa fronteira dos anos do porvir,

seguros de que o fado, a noite e a ruína

han servos proveitosos,

tomade nota aquí,

artífices do voo na fábula do outono.

beata (soneto en alexandrinos brancos)

tumblr_m1gt2n0oCt1rr10yho1_500

feliz quen considera sentar xunto á ribeira

os ollos percorrendo o outono sixiloso

que nada está detido e todo cesa e cesa

imaxes que aínda brotan do pano da distancia

e un día sen sabelo despois de moitos anos,

ociosa te conduces por prazas e ruelas

acaso consumido o pan da mocidade

coa lámpada da tarde morrendo vespertina

e asoma entre a fariña do mesto neboeiro

a nada unha carencia sen límites total

que acende o seu martirio no corpo imaxinario

xa non terás opción non volve a mocidade

navega sobre as augas volubles sinuosas

sen présa por tecer o texto da existencia

A lava do crepúsculo

tumblr_m0vy8gxxOB1qz6f9yo1_500

E sentou a contemplar o pobo triste de Galicia.

 

El era dos que andaban carretando os cadaleitos,

os sinxelos ataúdes do misterio.

Aquel que, encadeado e preso sen porvir,

os pórticos e sombras, as prazas e ruelas,

solemne percorría,

insólito almirante das frotas afundidas.

 

Erguido entre as materias que a tarde foi pousando

nas covas da tristeza

viradas para sempre a un sol que esmorecía

expuxo o seu velamio aos cólicos do vento,

deixou que as augas fosen levando o seu fluír

de sopros abafados, de aires compunxidos,

de corpos como naves varadas nas baías

ao pé de catedrais,

asombros dunha luz batendo contra o mundo,

e dixo que era tempo,

o mesmo que alguén grava con ferro de cincel

palabras sobre as pedras.

E deu algún traspés nos banzos ou na porta.

 

Mais era que pasaba o pobo triste de Galicia

seguindo a prefixada derrota da paisaxe.

 

As torres que se erguían no límite da néboa

sentiran que a borralla formaba un horizonte

camiños nos cruceiros e rumbos nas estradas

e daban en caer

igual que precipicios

as torres como áncoras e liras

as torres como incendios e naufraxios

as torres como pontes e teatros

 

E púxose a mirar os corpos que pasaban.

os corpos que a ruína, amante, posuirá.

o incógnito volume que todos procuramos

do pobo cos seus gritos

do pobo entre as hortensias

acaso esconxurando un mar que derretía

algún discurso vago que a xente namoraba.

 

El era dos que andaban furando no silencio

un voo de auga sombría.

 

Os tempos viñan longos do fondo dos naufraxios

e daban en bater as portas contra o escuro

solemnes como un río que fose esparexer

no mar a caixa aberta das borrallas

de todos os incendios.

 

E o pobo andaba canso a derreter

os séculos da historia.

 

Por iso foi formando o grupo dos vencidos

daqueles que deixaran de chorar

e foi querendo ser como unha ave

erguida sobre a torre para ver

a lava do crepúsculo.

abril como un disparo

tumblr_lz9r5oDAFM1qb8vpuo1_500

Os pousos máis amargos que abril leva no fondo,

tinxidos por un voo de mocidade,

acaso percorridos en naves ben lixeiras,

conservan a distancia do tempo que se foi,

a tarde cos seus fíos de música e de crenzas.

 

Eu vou por entre os ríos seguindo unha canción.

Levando o meu poente fulxindo entre os cascallos

Da noite e do silencio.

E nada chega aquí. Xa todo está murchando.

Igual que antes murchaban os séculos vindeiros

E o tempo tiña forma de presente.

 

Abril como unha torre que o inverno derrubou,

abril como un acuario de peixes consumidos,

abril como un disparo, a mácula do inverno.

rito

tumblr_m1bowegFE11qfoopyo1_500

nalgún lugar remoto nun voo de sono fráxil

o viño catarás gozosa ou as améndoas

 

os carros e tractores ornados con acacias

as portas que che abran o templo do porvir

collendo margaridas ou vendo aves canoras

os ríos as murallas os bosques os palacios

o gris emborrallado do inverno na distancia

Manhattan como un longo distrito de tristeza

figuras de deformes penínsulas ou illas

un lume que se prenda nas augas do cristal

 

así florezan sempre os ímpetos de maio

misterios sigan vivos enigmas se derramen

e nunca en contra deles sospeita manifestes

en reinos ocupados por ritos e por crenzas