as graves cordas brunas (soneto en alexandrinos brancos)

Ben Goossens

Que luxo esparexer os meses daquel tempo

nos montes, no solpor, nas praias consteladas,

a xeito de bandeiras, de erguidos estandartes,

cristais que o vento inzou de follas e silencio.

As torres que se prenden no límite da néboa.

As aves que atravesan a calma vestidura

da tarde como un voo de cinza ou de tristeza

ficaron sen misterio, do enigma abandonadas.

Así que agora empuño o lapis para obter

un signo como un vidro de sal ou de loucura

e darlle novo empuxe ao corpo derrubado.

Porque esas son as regras do xogo da ruleta:

a música de réquiem, as graves cordas brunas,

sinais do meu periplo nas chagas da existencia.

Advertisements