Roma

tumblr_m3sqh8564h1qmp1jqo1_1280

 

Non sei que fago en Roma. Hai moito que partín.

Leváronme consigo as lúas funerarias

De meses xa caducos, de estrelas esquecidas.

E fun polos camiños, no lombo do solpor,

Soñando outras herdades, remotos prados verdes.

Mais sendo unha evidencia que tiven que fuxir,

Tamén é certo o soño que Roma culminou,

A flor de forma irada que cruzan lamacentos

Devalos estivais, a esencia que se achega

Do mar en leve brisa, a neve na distancia

Da plácida montaña. Por iso regresei

E achei consolo aquí. Eu viña derrubado

E foron as ruínas, os restos de esplendor,

Insólitos vestixios de auxes e de cumios,

Materias afundidas no leito da debacle,

O sopro que alentou o corpo enfebrecido,

Un beixo sobre a pel cuberta polas chagas.

Así que amei axiña o imperio sen fulgor,

Os vellos poderíos deitados sobre a lama,

O insólito relampo do luxo derrotado.

Por iso vivo en Roma. Por máis que as estadías

Non sexan máis que breves semanas entre anos

E logo unha distancia me afaste dos outeiros,

Do río que devala silente so as pontes,

Da cor de terra e sol que teñen os palacios,

Eu moro sempre aquí. E son estes camiños

Aqueles que abren rumbos e estradas para a alma.

Escoitas, pois, lector, nas tristes cantinelas

Que deito sobre follas, cadernos, almanaques,

A leve sinfonía do corpo agradecido,

O son de pedras vellas fundidas pola historia,

Asomos dunha súbita, crecente inspiración.

Non sei que fago en Roma. É certo que partín

Mais nunca foi posible partir sen regresar,

Tomar algunha vía camiño do solpor,

Camiño de Fisterra, do océano, da noite,

Deixar estas urdimes de casas para sempre.

Así que estou en Roma. Xamais logrei fuxir.

Oh nunca quixen irme.

Advertisements