ULTRAMARINA

tumblr_m1rbjrTR0s1roll6uo1_500
CANTAR os grandes coitos do tempo colonial,

As damas que, mestizas, lograban seducir

Varóns que na arribada toparan a fortuna,

Escravos que, xa libres, de súpeto ficaban

Prendidos dunha ollada nun bazar,

Mercantes mariñeiros cegados polo trópico

Que daban a súa vida por tal revelación,

Seguros de que o signo que abrira no seu corpo

Aquela sinfonía de lóstregos de cor

Non era máis que o grito da especie que os chamaba.

Cantar aquelas noites ardentes de paixón,

O rostro enfebrecido de insólitas doenzas,

Os gritos que chegaban da selva pronunciando

Palabras de pecado, de rapto, de luxuria,

De cregos que perderan de súpeto o seu dogma,

De homes que entregaban o voo da mocidade

Nun leito vaporoso de insectos e de chuvia.

Ser donos dese tempo, da vida que iniciaba

Veloz o seu percurso con sede de esplendor

E axiña aparentaba ser quen de construír

A Ópera na selva, no centro de Manaus,

Daquela só unha mota de pó entre a fluvial

E súbita enxurrada do río imprescindible.

Estar de novo alí, vestindo traxe branco,

Fumando un longo habano do brazo de muller

De sedas ataviada, o sangue mesturado

Dun pai escandinavo e escrava negra negra,

E ser nese momento de altura do destino

Consciente dos seus labios, do brillo da súa ollada.

Entrar para que soe a voz do gran Caruso

E entón, como nun soño, sentir que dese tempo

Despréndese a ruína, o escándalo da morte.

Baixar daquela en barco no trópico nocturno

Beixándoa sobre a proa, sentir que o noso rumbo

Do río no devalo, é rumbo de planetas,

De estrelas, de galaxias, e nada nos espera.

Tan só un leito branco, un tálamo nupcial.

Advertisements