na fábula do outono

tumblr_m15roytbYO1qdylmio1_500

Os pozos dos poetas son torres afundidas.

Os corpos, arruinados de versos e de néboa,

fundados polo vento, erguidos polas queixas,

doentes dunha ignota enfermidade.

 

E as mans que obedeceron o ímpeto do lume

nas harpas que acordaron acordes trepadores

de hortensias inclinadas ao silencio

son brillos do diamante, a luz de antigos ouros,

acaso a sombra leve dalgún matiz do branco.

 

Aqueles que furtivos o espazo camiñades,

transidos polo tempo que deita luz e néboa

alén desa fronteira dos anos do porvir,

seguros de que o fado, a noite e a ruína

han servos proveitosos,

tomade nota aquí,

artífices do voo na fábula do outono.

Advertisements