sobre unha foto do Carlos Silva

foto de Carlos Silva

oh torres de poetas que o século abrasou

chorando por un día que nunca ha de volver

nun voo de voz aberta aos séculos vindeiros

virade nun afago de ventos regresade

na boca como orballo de cinza ou de silencio

con ánforas con días e tardes e camiños

con longas alamedas enchidas de paxaros

e dádeme o poema

dos troncos devalando no outono río abaixo

 

das vías que cursedes baixando un lento val

pois todo murcha e deixa sabor de hortensia escura

de imperios que caeron cidades derrubadas

ou melros embriagados

igual que un verbo vello en linguas esquecidas

gardade este transporte acaso esta ruína

os círculos deixados na terra polo voo

das épicas da vida das glorias da existencia

e longa e coidadosa mirada esparexede

os líquidos escuros con lenta inspiración

madeiras deliciosas as vides da ebriedade

enchidas co fulgor da sombra anoitecida

oh árbores tronzadas oh tallos do destino

 

publicado tamén en munditações

Advertisements