das fendas da linguaxe

tumblr_m1eekdfIBv1qik149o1_400

calquera que sulcase algunha que outra vez

no medio desas noites de aguda epifanía

as prazas que abril enche no sur con arrecendos

da flor da laranxeira

a oír o son dos pozos igual que se escoitase

deleites da derrota e do fracaso

sen dúbida xa sabe gozar deste discurso

que dita os avatares os feitos da ruína

nas liñas dunha folla furtada aos almanaques

 

que calen pois as frautas os graves contrabaixos

que gardan no profundo das vellas cicatrices

segredos que erguerían un voo de sinfonías

 

que digan neses tons que baixan desde o negro

“darémosche o refuxio que acaso aínda procuras

o centro dunha forma composta para abrir

camiños de silencio”

 

oh signos perdurables de consumidas bocas

fulgor da mocidade

oh insólito chover febril adoración

daqueles que pretenden oh seren as palabras

cancións que o tempo garda

feliz no seu vagar errante no seu voo

no libro do destino

 

que o tempo vive alén das fendas da linguaxe

e na fronte leva escrito un signo de Tristeza

Advertisements