transition

059 060
078 117
118 116

Pan.optikum no Festival Internacional de Teatro de Rúa de Santa María da Feira, Maio do 2012

Advertisements

o lombo dunha estrela

tumblr_m3fz5nMT5v1r2ahh3o1_500

 

e souben que eran días caendo para atrás

que abrían unha lenta solemne procesión de cinco ou seis minutos

camiño de teatros no inverno máis fecundo

 

leváronme de présa seguindo algunha sombra

por neves e montañas alén do mar perdido

cargando a doce mole do peso da existencia

 

e ti como unha sombra deixáchesme pousado

a voz máis solitaria que caiba recordar

os meses de novembro de outubro debuxando

subín nun tren lixeiro camiño da cidade

gardando entre os misterios da brétema unha voz

imperio reducido a un mínimo lugar

con páxinas escuras de ignotos pentagramas

 

que aquelas eran regras do xogo da ruleta

deixar que se derramen en limpas emocións

as mans sempre dispostas no peto dun abrigo

 

e fíxenme feliz fugaz como unha ave

en fondos remuíños en cólicos sen fin

ao longo do traxecto de altos ríos

durmido sobre o lombo dunha estrela

O viño

tumblr_m40n9upMPC1r677hco1_500

Nos cuartos clausurados das páxinas do olvido,  
nas gándaras de neve que hai despois dos anos,
no alto das estatuas,
a sede que me habita, sublime, precipita
un voo de viño azul, escuro até o vermello,
disposto como un signo da morte dos invernos.

Nas prazas e palacios, nas rúas e plateas,
nas follas que deitaron as árbores no chan,
no leito amortecido das herbas e das flores,
felices de ir vagando por pontes e fronteiras,
fulxindo como estrelas queimadas de claror,
o viño gorentamos, deixamos escorrer
na boca como un doce de néboa e de quentura.

Na sombra que esparexe a tarde en porcelanas.
En tres ou catro cartas escritas nunha hora
que foi pola distancia erguendo unha fariña 
insomne de preguiza e soños e fracasos.
En chairas, en ribeiras, en vales ou en ríos,
selándonos os labres con flores arrincadas,
o viño estaba alí,
xamais deixou de darnos praceres e linguaxe.

as graves cordas brunas (soneto en alexandrinos brancos)

Ben Goossens

Que luxo esparexer os meses daquel tempo

nos montes, no solpor, nas praias consteladas,

a xeito de bandeiras, de erguidos estandartes,

cristais que o vento inzou de follas e silencio.

As torres que se prenden no límite da néboa.

As aves que atravesan a calma vestidura

da tarde como un voo de cinza ou de tristeza

ficaron sen misterio, do enigma abandonadas.

Así que agora empuño o lapis para obter

un signo como un vidro de sal ou de loucura

e darlle novo empuxe ao corpo derrubado.

Porque esas son as regras do xogo da ruleta:

a música de réquiem, as graves cordas brunas,

sinais do meu periplo nas chagas da existencia.

Fuxir

tumblr_m20pi2xlkS1qz6f9yo1_500

As néboas derrubando alpaca enferruxada

Que o espello ha repetir. A luz sobre o cabelo.

O sal entre os seus labios, un sal de vidros breves,

Os mares sen distancia, a tarde entre vapores

Que logo caen envoltos en fume de fracaso

No lenzo esvaecido do opaco firmamento.

Oh vós, mellor vosoutras, fuxindo cara ao sur,

E a noite como un froito da árbore do amor,

Despois de que o crepúsculo acenda unha penumbra

Roma

tumblr_m3sqh8564h1qmp1jqo1_1280

 

Non sei que fago en Roma. Hai moito que partín.

Leváronme consigo as lúas funerarias

De meses xa caducos, de estrelas esquecidas.

E fun polos camiños, no lombo do solpor,

Soñando outras herdades, remotos prados verdes.

Mais sendo unha evidencia que tiven que fuxir,

Tamén é certo o soño que Roma culminou,

A flor de forma irada que cruzan lamacentos

Devalos estivais, a esencia que se achega

Do mar en leve brisa, a neve na distancia

Da plácida montaña. Por iso regresei

E achei consolo aquí. Eu viña derrubado

E foron as ruínas, os restos de esplendor,

Insólitos vestixios de auxes e de cumios,

Materias afundidas no leito da debacle,

O sopro que alentou o corpo enfebrecido,

Un beixo sobre a pel cuberta polas chagas.

Así que amei axiña o imperio sen fulgor,

Os vellos poderíos deitados sobre a lama,

O insólito relampo do luxo derrotado.

Por iso vivo en Roma. Por máis que as estadías

Non sexan máis que breves semanas entre anos

E logo unha distancia me afaste dos outeiros,

Do río que devala silente so as pontes,

Da cor de terra e sol que teñen os palacios,

Eu moro sempre aquí. E son estes camiños

Aqueles que abren rumbos e estradas para a alma.

Escoitas, pois, lector, nas tristes cantinelas

Que deito sobre follas, cadernos, almanaques,

A leve sinfonía do corpo agradecido,

O son de pedras vellas fundidas pola historia,

Asomos dunha súbita, crecente inspiración.

Non sei que fago en Roma. É certo que partín

Mais nunca foi posible partir sen regresar,

Tomar algunha vía camiño do solpor,

Camiño de Fisterra, do océano, da noite,

Deixar estas urdimes de casas para sempre.

Así que estou en Roma. Xamais logrei fuxir.

Oh nunca quixen irme.

Fotos

tumblr_m0motuyRaR1qjm0dlo1_500

Encontro agora en caixas as fotos da derrota,

Asombros dunha luz batendo contra os corpos,

A prata reflectinte ferindo con borralla

Lugares que eu andei, terrazas, monumentos,

Amigos que roubou a morte ou o silencio,

Veráns que se perderon, invernos tan sombríos

Que as páxinas tenderon a ser escuridade,

Tan só unha leve luz, algún matiz de branco.

E abro os vellos álbumes, as caixas onde xacen

Silentes claridades e rostros a facer

Acenos e debuxos, silentes asubíos

Que xa ninguén escoita. Recortes de xornais,

Noticias obsoletas que nunca chegarán

A ser parte da Historia. Retratos que tiveron

Un día actualidade e agora mesturadas

Con sombras turbadoras do outono e da memoria.

E gardo as vellas caixas. Enterro esas imaxes.

Inhumo o seu misterio. A tarde está a deitar

Un lume de cereixas e vidros mentres bebo

O tinto da amargura, o caldo da aflición.