abril

tumblr_lzu29dNeNz1qzx4bjo1_500

volveu de vez abril e fíxoo en remuíños

de vento e de sorpresa polas rúas

paraugas a voar e roupas estragadas

de chuvia e de misterio

e golpes sobre a túnica do mundo

e cólicos do enigma xeroglíficos

 

volveu como unha furia unha distancia

e foi pousando nubes no faiado

e deu en ser febril alicaído

 

non quixo darlle tregua a esta paisaxe

non tiña outra vontade que chegar

e fíxoo con ruínas e fracasos

con vellas dilixencias e cabalos

(tan cansos que paraban

nos camiños a soñar

a enxergar no firmamento algunha estrela)

 

volveu como unha lápida a neve nos sepulcros

xogando a derreterse contra as horas

e un sol estarrecido coa derrota

e deu en ser abril polos viñedos

na sombra das maceiras

nos panascos

acaso xa seguro

de seren estas as súas horas

Advertisements