letra de cantiga

tumblr_lntbytwYUh1qb0bzxo1_500

os días que a tristeza me furtou

caeron sobre a lámina do inverno

e foron devalando río abaixo

o mesmo que os paxaros esgotados

que curan sobre as augas o cansazo

 

non foron máis que días

iguais a moitos outros

os círculos fechados

do sol e do planeta

 

a torre en que durmiron eses días

desprende a cada pouco os seus cascallos

e verte un fío azul como de sangue

e deita contra a terra o seu vapor

 

son signos desta era (a época da cinza

o tempo en que se abaten os alpendres

e fican polo chan grandes palacios)

que todo vira e muda a cada pouco

 

tamén a miña vida noutro tempo

soñou con ser eterna e prodigarse

propuxo esparexerse como un voo

e logo foi tornándose ruína

 

tamén as vidas todas nun século virán

fundirse co horizonte e co desexo

igual que o xeo da noite derrete polo día

igual que o fume esvae se sopra o vento

Advertisements