épica III

cahuhn

el daba por entón un libro por un beixo

e tiña os labios cheos de silencio

custáballe falar

 

o corpo comezaba a súa deriva no límite das noites

e todo canto vía ficaba rexistrado

na cova dos misterios da conciencia

 

non era máis que un barco

seguindo a singradura

das torres polo fondo do fondo do horizonte

e tiña as velas rotas

o vento a perseguir

os lombos debruzados dalgún remoto outeiro

os cumios consumidos dun penedo

igual que se a paixón buscase un templo antigo

o centro en que erixir de novo o seu altar

 

andaba algunhas tardes polos campos

cortaba para si ducias de flores

e daba o que pedisen aos pobres esmolantes

e lía moitos libros sobre Grecia

 

e foi por esa altura que os campos se perderon

ninguén daba con eles

e todo eran cidades e lugares

con casas con alpendres con tabernas

con vellas catedrais

e foron os seus ollos perseguindo

os restos dese soño

a porta das igrexas da paixón

e só puido mirar materias consumidas

un cravo enferruxado

Advertisements