espectros no camiño

tumblr_lq4p7lSNQb1qjn527o1_500

o caso é que eu andaba nas terras dun país

de ventos e perigos levando unha marea

e marzo xa chegaba con chuvias e calores

cantando en solitario cantigas de orfeón

a lúa esparexendo sinais de pratas altas

 

e alí xuntei ocasos solpores como estatuas

silentes partituras fundidas polo ensoño

as marcas da verdade que mora na linguaxe

feliz de andar vagando por pontes e fronteiras

na roda dos barrocos estaños da ruína

 

a xente que moraba nas casas do lugar

ruído de tractores voltando da xornada

sentía nese brillo do frío no seu centro

as torres as murallas os restos de edificios

compondo o seu vagar de soños sobre a música

seguros posuidores dun dogma e dunha estrela

 

e así dispuxen logo na escrita destes versos

espectros que se deron a errar polos camiños 

Advertisements

M. M. danza sobre os prados

tumblr_m17gub3aw21qb8vpuo1_500

a danza está composta de brillos e de espellos

de ritmo no seu lento discurso acompasado
 
persegue unha canción procura unha distancia

ferida polas flores e as lágrimas da brisa

e arrinca entre as materias vermellas o crepúsculo

fundada polo vento erguida polas queixas

deitando un voo de auga nos cólicos do mundo

 

non dorme está mirando

progresa para a sombra camiña para o escuro

un pó de cinza vella por riba das hortensias

 

son trazos arrincados aos ríos coa calor

que tinxen o papel dos mapas e das cartas

das follas que escribiron os meses devalando

azuis como un harpexio de líquidos e chagas

 

satélites de cinza distantes a rotar

de tanto como fere a luz dos seus contrastes

por ríos e por soutos e néboa entre carballos

proposición

tumblr_lorp9dx3Gq1qb8vzto1_500

agora que o declive do día xa esparexe

as augas preguiceiras do Loira cara a Nantes

deitando sobre os sulcos das augas a moeda

do sol como un denario

e volve decretar un leve harpexio branco

fantasmas desolados que a noite arrebatou

remotos no seu fondo de lama e desmemoria

feliz no meu vagar errante no meu voo

un máis dos que acostuman pasar o tempo aquí

seguindo o voo das augas

no aberto mirador do ocaso sobre o mundo

que vai deixando fitos de pedra polos campos

fundando un horizonte

 

quixérache eu propor

subirmos a un navío

e ser puro naufraxio

un cólico de mar

tumblr_m1f89r5ibI1ro107jo1_500

oh ti que errante vagas seguindo algún camiño

de outono cos teus vellos zapatos consumidos

feliz polas estradas do íntimo de Europa 

ti lúa xunto ás torres fendidas polo raio

ti fío de altas cordas que pousan un son grave

pisando as cidadelas os fortes baluartes

por riba de valados de hortensias e fracasos

 

achégame outro vaso escuro de cervexa

 

que as horas van alén das fendas da linguaxe

e na fronte alguén che puxo un signo de tristeza

un límite de lume un témpano de tempo

 

que a roda que dá voltas ao círculo sen fin 

e vai pola distancia deitando unha fariña 

nos bosques de maceiras na música feliz

erguendo bafos leves na pedra e nos tellados

do mundo segue a dar mil voltas cada pouco

a andar de porta en porta pedindo algunha esmola

a impor un lume escuro de áncoras nas augas

acaso percorrendo casas pontes

e nogueiras e carballos 

buscando unha distancia un cólico de mar

abril

tumblr_lzu29dNeNz1qzx4bjo1_500

volveu de vez abril e fíxoo en remuíños

de vento e de sorpresa polas rúas

paraugas a voar e roupas estragadas

de chuvia e de misterio

e golpes sobre a túnica do mundo

e cólicos do enigma xeroglíficos

 

volveu como unha furia unha distancia

e foi pousando nubes no faiado

e deu en ser febril alicaído

 

non quixo darlle tregua a esta paisaxe

non tiña outra vontade que chegar

e fíxoo con ruínas e fracasos

con vellas dilixencias e cabalos

(tan cansos que paraban

nos camiños a soñar

a enxergar no firmamento algunha estrela)

 

volveu como unha lápida a neve nos sepulcros

xogando a derreterse contra as horas

e un sol estarrecido coa derrota

e deu en ser abril polos viñedos

na sombra das maceiras

nos panascos

acaso xa seguro

de seren estas as súas horas

épica VIII

ben-goossens-artworks21

e souben que era triste estar calado

que andaban as palabras a ferver

moendo os seus recordos contra as pedras

e había unha distancia polo fondo

 

e foi por esa altura que Nietzsche apareceu roendo unha mazá

os brazos a estender como a aguia que paira alá no alto do deserto

e dixo circunspecto cegado pola sombra e polo frío

nación esvaecida

infame mar de arañas

 

quen sabe que sentido  gardaban para el tales palabras sentado nunha rocha ante o solpor

mais era o seu enigma un arreguizo

un fío de electróns que che baixaba

seguindo o val do lombo con tristeza

 

e fun coller madeira por prender

un lume que aquecese na noitiña

infantería

20100923_ben_goossens_04-600x419

o leite que verteron no deserto

na area esparexido como un voo

un leite de solpor e de fracaso

un leite de ruínas e de inverno

 

o mel que se desprende do silencio

se escoitas o seu eco contra o vento

e vén do mar distante unha fragancia

un líquido febril unha goleta

 

o tránsito da tarde polo ceo

a luz que abril reventa entre as maceiras

deixando o seu lamento como un frio

lembranza dun febreiro esvaecido

 

son signos dos arcanxos derrotados

bandeiras dunha alada infantería

a un sol que esmorecía

meb_01

as pontes derrubadas de marzo para abril

por riba de valados de hortensias e fracasos

pisando as cidadelas os fortes baluartes

do sol como unha efixie de incendios e de ouro

están nese retrato no gris desa instantánea

 

os círculos de cinza da caixa dos espantos

leváronme daquela por fuscos corredores

deitando a longa alpaca do inverno na corrente

e dei con vellas flores insomnes serenatas

pousando un voo de auga nos cólicos do mundo

 

por iso unha mañá logrei ollar no espello

lugares imposibles sen lámpadas ou vidros

as rosas da mirada dos anxos do fracaso

viradas para sempre a un sol que esmorecía

 

sentín o desarraigo do corpo tan espido,

o voo do tempo irado

tumblr_lzxhpoKvN91qgmsn5o1_500

deixou de esparexer o voo do tempo irado

e foi virando en sombra

caendo para adentro

un buque derramado de chuvia e de ferruxe

 

os bosques de maceiras a música feliz

seguindo unha derrota de orquestras e verbenas

impondo unha secreta distancia xunto ás cousas

non tiñan a valía dos tráxicos enigmas

durmidos sobre o lombo dunha estrela

da flor da boca enchida con cinza e refugallos

que aniñan no solpor do corazón

 

levaba estes ramallos de hortensias consumidas

do xeito en que outras horas decrecen cara ao sur

nos límites do mundo

e tiña esa ousadía feliz da mocidade

do outono tan enorme tan canso de viaxar

da vida entre rebumbios de pánicos e cinza

 

que hai un pouso de verdade que se acende sobre o rostro nos días en que o signo do estío se esparexe desde o fondo dos misterios da tristeza