episodio III

6a010536537d42970b012877b5cb01970c-800wi

os días foron logo vertendo as súas mazás na terras enlamadas

e viron como as árbores maceiras se achegaban a unha certa idea de beleza

e aqueles meses crueis prenderon como chama nun bidón de gasóleo

 

eu era o que levaba as chagas máis visibles

aquel que esparexía os flocos constelados da cicuta soprando sobre a man

o mesmo que pousara os dedos a sangrar na lámina do espello

os dedos que escribiran por riba do meu rostro palabra ilexibles

os signos de estar preso na linguaxe

os círculos gastados de soñar

 

e foron logo os días chegando coa súa luz

deixando que os pigmentos derramasen a sombra polas casas

e foi fermoso andar polo xardín

sentindo como as parras fervían viño novo

probando aquelas uvas de tinto gorentosas

a terra nun resumo mineral de líquidos e azucre