episodio II

Day-By-Day-No11Tram

entón foron ferver a roupa que mancharan no tránsito dos ríos

e andaron varios días camiñando baixo o sol

o vento a debuxarlles na pel unha tristeza

que o aire lles lambía as cicatrices

e houberon de verter o seu silencio no corpo dos oboes

no ébano labrado de antigos clarinetes

(oh todos instrumentos do azar e do destino)

e houbo quen os viu e díxolles benvindos

que sexa o voso andar por terras do confín

un signo do misterio e da tristeza

que ampara en occidente

no pórtico febril do mar precipitado

o cólico dos signos

e houbo quen dispuxo nupcial festividade

e xentes que tomaron de vez a iniciativa

de encher a noite inmensa de luces e de lóstregos

foguetes que estoupaban no alto como un hálito

 

eu era por entón un bosque derramado

as árbores vertían resinas minerais

e tiña o corazón nunha vertixe

Advertisements