episodio I

Hungarian-Photography-007

as torres que se ergueran na fonte do desexo

con cánticos e odas e fogos de artificio

pertencen aos perdidos territorios

lugares que inda brillan emerxen sobre os mapas

igual que se levasen a orquestra do verán

tocando unha charanga de chuvias e mosquitos

 

son épicos espazos erguidos no combate

da vida contra a morte

da noite contra o día

no pálpito febril da mocidade

e gardan esa fe do tempo inesgotable

dos anos como un fío sen final

 

quen chegue agora ás torres no empeño da ascensión

e dea en propagar as liras con que canto

e sinta o mar inmenso

e vexa azul o ceo

será porque pertence aínda a esas familias

os grupos ambulantes que soñan con chegar

un día ata os solpores da distancia

 

felices sexan pois aqueles que derraman

as horas como incenso polos templos

os anos como mirra nun altar

felices porque teñen aínda esa mirada

febril dos soñadores

e gris dos viaxantes

e fican ben ben lonxe

dos cegos dos escuros

dos loucos

dos incrédulos

Advertisements