dos míticos amores de Elektra e Friedrich Nietzsche – IV

ben-goossens-artworks11

paraba naquel tempo nun cuarto de alta sombra

con vistas ao solpor

a música fervía polas ondas

e viñan varias brisas embriagadas

e todo estaba inerme e derrubado

prendido nunha cruz do tempo que se ía

 

e vina entre os espolios do naufraxio

Elektra miña vida!

 

non tiña o ton dourado do triste acordeón

nin era tan escura como a noite

levaba algo de luz

e todo ao seu redor cabalos parecían

turrando das carrozas invisibles

 

e andaba xunto a ela o tétrico albacea

o morno secretario

aquel a quen deixara fervendo as augas negras da moral

 

ei Nietzsche vello amigo!

e púxose a asubiar ollando para as illas

 

e só no cuarto escuro de noite redixía

epístolas de cinza e músicas de luz

Advertisements