dos míticos amores de Elektra e Friedrich Nietzsche – II

tumblr_lyfkyxjbRn1r2roqho1_500

cheguei daquela a un porto no leste do verán

na terra onde florecen as figueiras

e fun buscar a illa dos naufraxios

Elektra non paraba de bicarme

e Nietzsche andaba incerto

perdido na súa sombra

e dei co pozo antigo

aquel o dos oráculos

e souben dos camiños que esparexen no destino cos seus dados

e quixen camiñar

mais era xa moi tarde

a noite estaba impresa na luz do firmamento

erguera no misterio da alba engalanada

un voo de cisne branco

a xeito de bandeira ou de consigna por todos os fracasos

un cisne que era cántico e misterio

un cisne que era música da dor

e puxen sobre a torre outra bandeira

e ollei para a distancia e para o ocaso

e Elektra non paraba de bicarme

e Nietzsche camiñaba pola sombra

Advertisements