flor

Take-Me-Where-the-Flowers-Grow-by-Simbelminejpg

no fondo da mirada levaba un manancial

que ás veces derramaba a música do enigma

e o corpo flexionaba en cólicos escuros

 

nos tempos do seu tráxico labor

nas tardes en que o vento esparexÍa

amante o seu cabelo

o mesmo que un exército a izar unha bandeira

tamén de alí vertían misterios as palabras

mostrando a plenitude rotunda das hortensias

no medio do verán

nas longas agonías de setembro

os días en que o outono regresaba

e tiña unha voz de ninfa ou de sirea

igual que se estivese

verdadeiramente louco

 

que non era a flor de luz que o século soñaba

tampouco a flor de lava da terra como incendio

senón que era unha liña de pétalos prendida

un sulco que lle abriran polo centro da tristeza

mais ben unha demencia de sons e de palabras

 

gardeina para sempre nun caixón

entre fotos e cartas e nostalxias

e nunca máis volvín saber dese misterio

tamaños foron daquela o esquecemento

a preguiza

e a ignorancia

Advertisements