episodio

544294903_b8294c6d05

deixara os seus cadernos sobre a mesa

dalgún café perdido sen nome nin retrato

só páxinas con signos con letras mal escritas

que daban conta incerta da viaxe

estraños garabatos que el mesmo improvisaba

as cifras dalgún código secreto intransferible

 

moi tarde reparou na perda e xa non quixo

volver para salvar as cábalas as cifras

 

que alguén dese con elas xa era irrelevante

 

deitouse a descansar prendeu o derradeiro

cigarro polas sombras do cuarto da pensión

e foi contando as horas que faltaban

 

sería no mencer cando chegasen

os homes da Gestapo

 

subiron e encontraron o corpo falecido

os vidros escachados de copas e garrafas

a cinza dos papeis que arderan esa noite

 

un deles xa era dono das sombras dos cadernos

(aquelas que deixara no café)

 

as luces percorrían os brillos do mencer

fuxindo de París

Advertisements