wagner

wagner

a tarde converteuse sen sabelo

nun voo de Wagner polo outono

e o son non daba escrito polo ceo

máis signo que o das nubes

os corpos ben lixeiros das aves fuxidías

o líquido arrebato dun río na distancia

 

e así

como unha pinga de sal ou de suor

que alguén quixo deitar na lingua dos vencidos

por darlles un consolo unha noticia

a voz ergueuse clara unha raiola

de brillos no compás de cordas ben sombrías

e houbo derreternos o contraste

o xeo do corazón

 

que ben percorre Wagner os camiños

do ceo cara a novembro

 

que ben consola as almas no serán

nos tempos en que o inverno

naufraga esvaradío

 

oh canta ciencia escura do azar e da elexía

 

a tarde xa está fóra deste mundo

cansou de percorrer

as veigas que durmían aló embaixo

 

e nós vertemos cinza na súa ofrenda

Advertisements