unha laranxa

Sarolta-Ban9

das néboas que fumegan no val do esquecemento

e deixan o seu lóstrego de cinza ou de fulgor

na cartas remitidas

alguén recolle ás veces caldeiros de misterio

grandes olas con palabras derramadas

estraños adxectivos ou verbos tan mancados

que sofren a cirrose dun fígado de sombra

un cólico de abismos e silencio

que verte no poema un pó de xeroglífico

 

palabras que se gastan

discursos que envellecen

insomnes substantivos

decrépitos pronomes

linguaxe con artrite

vocábulos con dor

e tardes que se pousan na alma como un vidro moído a esparexerse no tracto intestinal

espellos tan minúsculos que poden reflectir

os barcos que hai no sangue navegando

 

por contra

desas néboas que fumegan nas torres da paixón

e deixan entrever o limo e a ruína

regresa un voo de aromas e perfumes

acaso un arrecendo da noite

unha laranxa

 

 

Advertisements