catarse

Elizabeth Schumann e Richard Strauss

na voz de Renée Fleming cantándome Setember

(nun disco coas cancións de Strauss, as derradeiras )

pendura unha ave antiga

igual que esas estrelas que seguen a enviarnos

a luz durante anos despois de fenecer

e pasan moitas noites e séculos e meses

e a luz segue a chegar

oh signo ben confuso da tebra engalanada

a morte como un brillo que perdura

 

e escoito esa fulxencia e miro para a voz

igual que se estivese a ollar un cadro

e as cores fosen bágoas do meu pranto

de tanta intensidade

 

non sei que estraño pouso de drama e de loucura

reside por aí

que carga de tristeza tiña o século a morrer

naquela Viena ida

que círculo de luz e de catarse

me prende a min agora

que páxina do infindo diario do solpor

me une a este castigo

 

 

 

 

Advertisements