evening meditation

9851372

as músicas que tocan na india dos meus soños

son longas como a tarde

un voo de ecos e frautas e táboas e laranxas

e mentas que lle amencen ás cordas dun sitar

solemne e vagabundo ardendo de tristeza

 

son músicas que prenden na fonda cicatriz

e verten funerais de cinza polas augas

e van como unha casca de noz cara ao solpor

levadas polo río da noite e dos enigmas

 

son músicas e pórticos estraños labiirintos

que alguén ergueu pensando nun máxico pomar

no fondo dos camiños que levan a occidente

e quixo abrir a sombra igual que unha laranxa

verter o zume en cálices

dar conta desa sede

 

as músicas que pousan no corpo entre mazás

e ferven chaves vellas derreten como a alpaca

ou veñen abrir caixas e sacos e capelas

e deitan percorridos no aire unha beleza

un raio de sol posto que entra pola casa

e deixa o seu misterio pendente dunha lámpada

 

as músicas que aínda fumegan no verán

e levan unha caixa coas fotos dunha voda

do inverno e da distancia

espíritos de aves de lóstregos veleiros

que o mar deixou atrás e quixo que volvesen

ás illas como volven os cólicos coa chuvia

os cólicos que verten da sombra e da tristeza

as músicas que baixan no río dun sitar

Advertisements