novos episodios da vida de Nietzsche II

Antoni_Tapies,_Informal,_1987

despois oín chegar a nave do silencio

non era como os barcos comúns que se desprazan

seguindo un rumbo fixo un porto escuro

senón que se movía igual que unha andoriña

un folgo de aire limpo un pensamento

e viñan sobre a popa durmindo os pasaxeiros

os poucos inspirados que deran en subir por ver que había ao lonxe

e foran polos séculos gardando nas súas caixas

pelicas de laranxas e lóstregos de pan

que logo na arribada habían de empregar

no forno ou na lareira dos soños con tristeza

 

non viña o meu amor que seica fora ao sur

verter bágoas no mar do esquecemento

mais viñan os filósofos berrándose entre eles

o turbio que era o día do saber

 

tampouco viñan tardes de música ou de cinza

xornadas que o sol verte nas praias da preguiza

 

que só fiquei alí chorando a despedida!

que tristes que vermellos os labios a beixar

a tanta xente errante!

que lástima de min!

 

e Nietzsche no peirao tocaba unha harpa rota

Advertisements