pervivencia de Van Eyck

300px-Jan_van_Eyck_091

das táboas que pintei alá polas holandas

hai moitas moitas chuvias

regresa algunha vez nun sopro ou nun tremor

a luz daqueles rostros á beira da xanela

tecendo a flor do ocaso nun soño aristocrático

 

eu era só o pintor nun mundo no que había

cancións como laranxas e túnicas caídas

e lentas augas murchas paradas no canal

ao pé daquelas casas tan baixas como a sombra

 

eu era só aquel home que errante retrataba

as damas e as familias da nova burguesía

e as clases que aos poucos medraban co comercio

 

non tiña o meu oficio máIs mérito que aquel

de ver pasar os días nos rostros que pintaba

e ser quen sinalase nos tránsitos da pel

a flor que murcha abría un voo de inspiración

minúsculo arrebato do aire sobre o peito

o instante en que se paran os tempos e devén

a morte como algo incerto e moi abstracto

 

das táboas que pintei conservo só a memoria

as longas humidades que os músculos herdaron

dun tempo que era néboas e chuvias e poallas

Advertisements