luz

tumblr_lt4fnne44j1r1y4lro1_500

a luz que agora filtran as vellas ameixeiras

dispostas contra o fondo do xardín

é luz de inverno seco

de inhóspito xaneiro

a luz que acaso veña do fondo do misterio

veloz como ningunha das cousas existentes

 

é luz que se restaura no chan e na distancia

camiña un val enteiro sen tempo nin cansazo

e pousa sobre o mundo creando a súa presenza

deixando que as figuras as cores ou as liñas

restauren o sabido o dado xa noutrora

que o mundo sexa idéntico ou igual

e así poidas ollar de novo os vidros

deitados na súa caixa a calibrar

a luz que agora chega do mar do esquecemento

 

a luz como unha culpa que leva a procurar

visións e olladas núas dun pórtico dun río

dun cólico de sombra que xorde entre palabras

e deixa un pouso amargo no ventre da mañá

a luz que che restaura de novo o teu destino

igual que se verteses no mundo unha laranxa

o mesmo que se andases sen sombra polo ocaso

 

a luz como unha chaga purulenta

que mostra as túas feridas cicatrices

que o mar quere lamber curar no seu naufraxio

sen tempo sen espera sen líquidos sen vento

Advertisements