rostro

Portrait of an Old Man

hai soños que se prenden ao tránsito dos días

e deixan unha marca no xeito en que camiñas

acaso nos acentos que ergues ao falar

tamén nesa maneira de ollar para a distancia

 

son soños como fumes no mar do esquecemento

sombríos corredores que dan para unha porta

que alguén deixou aberta nun conto ou nun poema

a porta para entrar na sétima fragancia

no río dos perfumes que baixan do silencio

 

e hai soños que fumegan igual que unha lareira

imaxes que prenderon no fondo dun espello

e deron en pousar no lombo dun cristal

un brillo de penumbra un cólico de sombra

 

se habitas eses soños se moras entre eles

terás que dar un día sinais da súa presenza

mostrar as cicatrices as marcas que deixaron

solemnes sobre os vales e as chairas do teu rostro

Advertisements