tormenta (metafísica do Xallas)

fotografía de Diego Velo www.diegovelo.com

 

os séculos que viran as décadas que caen

os lustros que esparexen borralla nas axendas

os meses que abren pontes de cinza sobre os mapas

o sangue das semanas que pinga no falar

e verte a súa materia no poema

son todos incidentes oh feitos ben vulgares

ao lado do arrebato da tormenta

quen queira que se adentre na selva da linguaxe

e dea en ver as formas que medran alí dentro

e saiba impor un brillo de cinza sobre as cousas

e pare a contemplar o signo dos camiños

máis antes que despois debera concluír

que nada existe alén do acontecer

que o mundo existe antes que a palabra

que debe ser tamén que antes da linguaxe

no círculo que forman os ollos e os vocábulos

xa exista ese ferver da vida o devalar

do mundo sobre os signos e a materia

no tránsito que vai desde o baleiro

ao punto en que se forman as vogais

ao río que remata na espléndida fervenza

dos nomes e dos verbos a caer precipitándose

Advertisements