duración das sombras

549px-Nietzsche187a

Eu vin a Nietzsche andar

fervendo na ola incerta

as vellas ilusións.

Levaba a cabeleira caída sobre os ombros

e tiña unha guitarra cromada de ferruxe

coas cordas balorentas.

E souben que era el por trazos da súa sombra.

Tamén porque do lonxe chegaban aves grises.

E andaba como alguén que escoita a voz do fado

e ponse a malgastar as horas con cervexa.

E díxenlle ei amigo que andas a facer

por onde levas hoxe o carro do silencio

por onde se esparexe na tarde a túa vontade,

que sulco ha de labrar na noite o teu arado,

por onde a liña escura,

por onde aqueles lóstregos.

O porte atormentado. Non viña con Dionisos.

Por máis que se notasen as follas dunha vide no alto da cabeza

e un voo de inverno seco sobre os labres.

Canteille: Federico,

benvindo á terra erma do solpor.

Que agosto che depare o tempo que mereces,

oh clásico e errante.

E, vendo que eu quería falarlle da piedade,

fuxiu por entre as viñas,

tan áxil como un galgo.

E sei que se trataba de Nietzsche polo tempo

que duran as súas sombras.

Advertisements