e lánguidas laranxas

wreck-pf-sygna-long-exposure-photography1

Oh vén, remota Hibernia, e cóntanos, calcula

cantas décadas de frío son precisas para arder

polos séculos dos séculos no solpor da eternidade.

Demanda o que precises, non sigas máis aí.

Os carros ataviados con hortensias

dirixe cara ao sur. Esquece o vello norte

e déitate no centro do xardín

vertendo sobre as herbas levísima xeada.

Eu sei como falabas. Entendo do teu canto.

Coñezo aquelas breves folerpas que premían

a terra co seu peso modulado.

Tamén coñezo o voo lixeiro dos teus traxes,

as túnicas que incendias nas lámpadas de agosto

e o ferro que pondera, fai grave a túa fragancia.

 

Oh vén, ferruxe estraña, oh óxido das chagas,

mistérica doncela dos enigmas,

sonora frauta azul,

gastada porcelana.

O tránsito aproveita, de vires por París,

pra darlle unha lembranza a aqueles prados

e deixa que os amigos con brandy te conviden

agora que entre os ouros da tarde xa se ensinan

metais de bronce escuro e lánguidas laranxas.

Advertisements