o sinal do labirinto

holland 42 014

Cando agosto chegue mozo para impor o seu imperio

e opulento de naufraxios verta séculos de luz

e o dourado cereal deite brillo polos campos,

ouro puro como a lava, bronce loiro como o ocaso,

non esquezas vir contarme como foi o teu inverno,

en que xeos te derreteches no percurso polo frío.

 

Deixa atrás os meus enigmas, non desveles o misterio,

e refuga o pan gastado, aquecido noutro forno,

derramado polo mofo, pola inhóspita humidade.

E celebra un novo viño, un licor enaltecido

que percorra na túa boca labirintos de calor

sobre a lingua procurando o específico lugar

onde vive a gorentosa divindade.

 

Tráeme flores por setembro,

ouh hortensias consumidas,

esa cor enferruxada que se impregna de outonìa,

e pon círculos de lama ou de terras alagadas

nos camiños que arrebaten novas chuvias xunto ao río.

 

E non deixes de mostrarme,

sobre a palma das túas mans,

unha escura cicatriz,

o sinal do labirinto.

Advertisements