pregaria

artwork_images_3276168_224516_annie-leibovitz

Sen dármonos nin conta chegou aquel xaneiro

durmido sobre o lombo dunha estrela

e todo foron beixos e benzóns.

Os lumes inda ardían no lar apaixonado

e viñan flores novas caendo do silencio,

un voo de lentas aves cromáticas nevadas,

o mundo en negro e branco por un tempo.

 

Sen dármonos nin conta o tempo dixo aquí

estou sobre o misterio dos campos a falar

e a noite foi aos poucos decrecendo,

facéndose miúda igual que unha velliña

e todo foi de novo esparexido

igual que se existise,

o mesmo que se antes do inverno as cousas todas

tivesen xa lugar, espazos para si

e alí fervese o sangue doutro abril.

 

Sen dármonos nin conta pousei a miña fronte

no vidro da ventá e alí tan debruzado

ollei para min mesmo recei esta pregaria

e díxenme chegaches aquí tes a cabeza

e abaixo están os pés, solemnes impregnados

de cólicos de cinza,

os pés que te levaron e aínda te trouxeron,

os pés como unha lápida que enterra os teus misterios,

os pés como un sepulcro de lámpadas de gloria.

 

E dándome ben conta do tempo que fuxía

compuxen para min, toquei o meu piano

e vin como o xarrón cromaba as flores secas.

Advertisements