como un eco solitario

Guy Bourdin-2

Pode a borra do verán ir tinxindo na distancia

a memoria do teu voo. Encher de brillo escuro

o motor que xira a roda do solsticio no horizonte.

Pode mesmo ser que chegue

ata aquí para deixarnos

a ebriedade máis antiga, a sombría lucidez

dos que enxergan o sol morto

a apagarse polas augas.

Mais non poden os teus ollos ser hostís a ese contacto.

 

Non son quen. Sen que medien as palabras.

 

Hai un pouso de verdade que se acende sobre o rostro,

un vestixio de certeza que pon brillos na pel,

un aroma de mazás, ou de flor de laranxeira.

 

Leve a borra do verán este tempo fracasado.

Leve. E traia na distancia

a memoria do teu voo,

como un paxaro perdido,

como un eco solitario.

Advertisements