camiño de xaneiro

Boulevard_du_Temple_by_Daguerre

Non vexo alén dos prados que ao lonxe están detidos

acaso a esparexer verdura na paisaxe

nin vexo máis alá daqueles soutos pardos

erguidos contra o fondo das augas…

que vexo para min, a sombra do meu rostro,

o xeito en que as semanas, as décadas, os lustros

oh foron construíndo un pozo na mirada,

un pozo que secou e foi deitando cinza

e torres que abateron os invernos,

cristais que o vento inzou de follas e palabras

e espellos. Este espello que agora me devolve

o mar cos seus naufraxios.

O mar que habita en min e vai vertendo caixas

e redes estragadas, anacos de madeira,

vestixios doutro tempo,

verdades ou certezas que o tempo me tatuou

na pel como unha cifra,

un número secreto.

Por iso fecho os ollos, evito ser consciente

do río que se vai, pousado neste espello

igual que se esvarase,

solemne a espreguizarse camiño de xaneiro.

O río co seu chumbo, a prata do silencio,

a alpaca escurecida, os escuros metais

que manteñen o pulso da corrente.