aves

tumblr_louwke9HJ21qg7yx4o1_500

As aves que hoxe murchan as flores das maceiras

aniñan no solpor do corazón.

 

Non son aves canoras nin tristes andoriñas

nin doces pintasilgos nin cálidos pardais.

Mais ben levan o canto pintado sobre o lombo

e buscan polos montes a sombra dun salgueiro,

un lago de auga branca, silencio de sepulcro.

 

As aves que me anuncian, oh van tan adiantadas.

Tan tarde hei de chegar que é inútil a distancia.

 

Se acaso as ves pousadas no alto dun arame

non penses que ando próximo dos corpos que proxectan

escuros contra o ceo.

 

Só pensa que eu irei, máis antes que despois,

oír o seu misterio de sombras e de espello,

catar o viño escuro que emerxe do misterio,

perder o meu alento na apócema de sal

que ás veces esparexen xa ebrias polo ocaso.

Advertisements