solsticio

2859815965_791fc0b153

O día vai ferido de números e chagas.

Persegue unha canción. Procura unha distancia.

E vai deitando cápsulas de lástima e tristeza

alén dos muros altos da torre do desexo.

 

O día leva as pernas cansadas de correr

e sente que lle doen os músculos da alma.

E escoita como baten na altura do seu cénit

as cifras que regresan do mar cunha canción,

durmido como un anxo acaso hipnotizado,

narcótico dos tempos fendidos polo raio.

 

O día como un mar de barcos afundidos

de lámpadas sen luz, de espellos apagados,

con soles regresados dun cólico de sombra.

 

O día como un fento, un óxido, unha pá,

ferruxe que alguén puxo nas mans crucificadas,

tacholas construídas coa dor do esquecemento.

 

O día como noite. O día como espera

da lúa que navega das sombras polo espello

á espera do solsticio da máquina de luz,

a máquina que absorbe os líquidos. O Incendio

que prende polos corpos a saudade.

Advertisements