UT PICTURA POIESIS

Urbano Lugrís Berbés 1943

publicado en Coroa poética a Urbano Lugrís en www.anavedasideas.blogaliza.org

 

Lugrís de tan Urbano pintaba co cerebro,

Si, si, directamente, sen tránsito pincel.

 

Lugrís de tan Urbano chegou tan fracasado

Ao bordo do solsticio que puxo en marcha a dorna

Ergueu a vella vela e díxonos : xa imos

Correndo na corrente. E logo foi calado

Sumido no solpor, o fume esparexendo,

Dalgún cigarro antigo, algún daqueles celtas

Sen filtro que fumábamos, hai tempo, polos meses,

Pois eran nesa altura sinais de fracasados,

As marcas que deixaba no peito aquel ferver

Das vidas interiores. E díxonos mirade,

Son tantos os obxectos que pode atesourar

Un vello mariñeiro! E tantas as distancias

Que o mar leva consigo!

Que un libro ou unha cuncha, o anzol que un peixe trouxo

Gardado no seu ventre

Non son máis que unha breve canción de singradura,

Só tres ou catro notas

Que o tempo foi pousando na pel do mariñeiro,

Acaso un vello mapa de rotas invisibles,

A lámpada que impregna de luz tanta derrota.

A tarde estaba aínda no cimo do verán

E viña un vento quente, furor de antigas brisas,

E dixo confiado, erguendo o rostro antigo:

Non sei se choverá, en tres ou catro días.

E logo foinos dando noticia do solpor,

Do xeito en que os incendios da tarde se impregnaban

Coa luz das Illas Cíes, da forma en que a rotunda

Esfera devalaba, deixando atrás o sol,

Seguindo aquel esteiro da ría cara ao fondo.

Quen che dera, vello Urbano

Lugrís, co teu pincel

Pintar toda a emoción

Que había nos teus ollos.

Quen che dera, meu pincel,

Pintar aquel Urbano

Lugrís pola distancia.

Advertisements