O ímpeto da idade

lVzyD

Non chegan xa noticias Ninguén sabe de ti

E foron aves orfas buscarte no horizonte

igual que se vertesen un pó de cinza branco

e foron andoriñas por tras do teu ronsel

Mais nada deron visto Ninguén deixou sinal

Só cifras como enigmas Só números caídos

 

Non chegan cartas notas mensaxes para ler

nin música desprende a sombra das palabras

(A sombra da palabra camiño é só unha marca

dun pau sobre as areas

A  sombra das palabras nubladas é un sinal

de chuvia sobre a terra)

 

Non veñen as cancións os límites do canto

e pouco xa me resta do pan que regalaba

Outono cos seus carros de viños e mazorcas

Outono cos seus vellos zapatos consumidos

mollados de tristeza

 

Non chegan xa mensaxes Non sopra o vento irado

nin sopra a brisa leve do mar sobre as escumas

nin trae o frío incerto un voo de xelos secos.

 

Non fales xa Conserva

o ímpeto da idade

e pousa os labios quentes aínda fervorosos

na pel que te aproximo

A pel que che regalo vestido de viaxeiro

a abrir a exploración da noite polos campos

Advertisements