A lingua do solpor

Sarolta-Ban10

A dorna que hoxe ingresa no porto da memoria cargada con marfín

transporta alá no fondo do escuro das bodegas

un corpo que eu amei.

 

Falamos do viaxeiro que eu fun durante un tempo,

o corpo aquel que eu tiven ferido de naufraxios

e longas singraduras e ventos e distancia,

o corpo no que amabas daquela a mocidade

e vías no seu peito extensa chaira branca.

 

Por el regreso agora ao tempo esparexido

e vexo estrelas murchas de mar que se aparecen

e flores que se erguían a xeito de bandeiras.

 

Se grande foi a loita, tamañas as derrotas.

E teño a sensación de nunca ter partido

de andar espreguizando o século na casa

durante moitos moitos anos

igual que se da lúa  vertesen longas décadas

e cántaros con meses e borra de semanas

ou ánforas con días e tardes e camiños

pintados sobre o fondo dun lenzo consumido.

 

Mellor será perder os soños daquel tempo,

deixar que se derramen en limpas emocións

e inventen noutro mar heroica singradura.

Ceibar, se cadra, os pesadelos, escuros arrebatos,

e dar cos nosos corpos outra volta,

se acaso a derradeira, por praias e confíns,

as mesmas nas que outrora soubemos aprender

a lingua do solpor.

Advertisements